Friday 03 de May de 2024

O alcalde de Ribeira solicita á Deputación máis facilidades de pago no IBI e o IAE para contrarrestar os efectos do Covid-19


 

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, vén de dirixir un escrito ao presidente da Deputación da Coruña solicitando que se dean máis facilidades de pago á hora de satisfacer o Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o Imposto de Actividades Económicas (IAE) para contrarrestar os negativos efectos económicos que provocará o presente Estado de Alarma por mor do COVID-19.

Así, segundo o Calendario do Contribuínte para o ano 2020, o período de recadación voluntaria iniciarase o 1 de setembro ata o 20 de novembro de 2020 para ámbolos dous impostos. Ante a situación de excepcionalidade, xustificada pola declaración do Estado de Alarma, solicítase que se teña a ben considerar un aprazamento de tres meses no pago de ambos impostos de maneira que o período voluntario de pago de ambos impostos abarcaría dende o 1 de setembro de 2020 ata o 20 de febreiro de 2021. Así mesmo, no caso do IBI pídese flexibilidade no pago dos recibos, de maneira que se permita o fraccionamento do pago en tres prazos e sen intereses para os recibos domiciliados.

Sendo consciente do posible impacto que ambas medidas pode producir na Deputación da Coruña, e co ánimo de minoralo, o Concello de Ribeira estaría disposto a asumir unha redución nas entregas a conta, segundo quedou reflectido na Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19 na súa sesión de hoxe.

Levantamento da suspensión das contratacións
Tamén na mesma Comisión se acordou solicitar ás administracións competentes o levantamento da suspensión dos procedementos administrativos de contratación, máxime cando empresas como as de obras públicas xa reanudaron a súa actividade.

Noutra orde de cousas, esta mañá concluíu o reparto de mascarillas en Corrubedo, comezando esta mesma tarefa pola parroquia de Olveira por parte de membros do GAEM e Protección Civil.